Thursday 16 de May de 2024

O Campo da Feira de Lestedo acollerá ovindeiro 12 de setembro o espectáculo Un verso. Un cantar


A asistencia é de balde, pero con aforo limitado, polo que cómpre realizar inscrición previa

O Campo da Feira de Lestedo acollerá o vindeiro sábado 12 de setembro ás 20.00 horas o espectáculo Un verso. Un cantar. Trátase dunha proposta de Queiman e Pousa que rememora a figura de Antón Fraguas.
A cita, desenvolvida polos Concellos de Boqueixón e Vedra e co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, terá entrada de balde, pero aforo limitado. Porén, cómpre que as persoas interesadas se inscriban a través dun formulario web ao que se pode acceder nesta ligazón:
https://forms.gle/T9pff7R3v5ohUp61A , que tamén estará accesible nas distintas webs municipais e noutras canles dixitais. Para máis información ou para aclarar dúbidas, pódese chamar ao 981 513 061 (Concello de Boqueixón) ou ao 981 814 691 (Concello de Vedra).
Dende ambos os dous concellos lémbrase a importancia desenvolver estas actividades respectando todas as medidas hixiénico-sanitarias de prevención contra a COVID-19. Por iso, será obrigatorio o uso de máscaras en toda a actividade, así como o mantemento da distancia de seguridade interpersoal e terán á súa disposición xeles hidroalcohólicos. Compromiso coa cultura galega
Un verso. Un cantar é un espectáculo ambientado no século XX onde, segundo explican dende a compañía Queiman e Pousa, “a poesía e canción van da man”, nunha orixinal homenaxe á Emigración Galega. A través de distintas expresións artísticas ofrécese ao público un amplo abano de posibilidades lendo a creadores tan recoñecidos como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro ou Xosé Neira Vilas.
Teatro, canto e música fusiónanse nesta proposta que supón un firme compromiso coa cultura galega. Ao mesmo tempo, o espectáculo proponse como algo “próximo tanto polo sentimento que agocha tras cada verba ou nota, como pola novidade e amplitude de público que abrangue”, amosando a identidade da cultura galega a través dos seus escritores e, deste xeito, lembrar aos galegos e ás galegas que cruzaron o Atlántico deixando a súa terra atrás na procura dun futuro mellor.